28/12/08

Os Faros

Dende alí arriba podías ver aos faros da Ría contándose segredos en muda radiofonía. Falaban de sereas e golfiños, de caracolas e estrelas de mar. Contábanse os segredos que as ondas lles trouxeran no seu paseo vespertino.

O de Corrubedo gostaba de falar longo e tendido da elegancia con que se deitara aquela tardiña o sol, mentres que o muradán prefería comentar o fermosa que atopaba á Dama Lúa coa esa resplandecente pel de prata capaz de competir co mellor dos peixes dos fondos mariños nos que se reflectía.

Os pequenos faros do interior da Ría, pola súa parte, amaban a sinxeleza das estrelas que dende o alto lles chiscaban tímidamente o ollo. Cada un tiña a súa preferida, e nas noites craras comentaban cal daqueles pequenos vagalumes astrais era quen de eclipsar á mesmísima lúa coa súa fermosura e tímido parpadear.

Nas noites de trebón, os faros deixaban de lado a súa conversa cotiá para escoitar con atención as novas que os ventos traían de terras lonxanas, e nas cálidas noites de vran, eran caladas testemuñas da vida que se negaba a durmir ao seu redor.

E así, cada noite, os faros da Ría volvían a contarse historias de naufraxios e tesouros, segredos de amantes que ao seu carón buscaban un refuxio na mirada do outro, lendas de sereas e arriscados mariñeiros... sempre na súa linguaxe de silencios.

23/12/08

O sorriso

Véxote ao meu carón, rindo e non podo evitar sorrir. É o efecto que causas en min, aínda que o disfrace dun "eu rio moito".

Véxote ao meu carón e sei que sorrís por ela. Doeme saber que nunca o farías por min, pero aínda así ceibo un llimpo sorriso. Míntome asegurándome que non me doe pensarte con ela, e volvo sorrir.

Véxote ao meu carón, e sorrío pola túa risa - a risa que sei que nunca será por min -. E aínda que adoite mentirme, se hai algo que sei é que nunca sería quen de mentirche.

Se por ela ris, por ela permitireille aos meus beizos sorrir un día máis.

15/12/08

A mentira

O home é o único ser da natureza capaz de enganar sen conciencia e sen consciencia.

Sen conciencia, cando o facemos deliberadamente. Sen consciencia, cando nos queremos convencer de que non o estamos a facer.

Sen consciencia cando nos xuramos a nós mesmos todas esas cousas que sabemos que non cumpriremos, cando nos convencemos que non queremos a quen realmente queremos, cando queremos querer a quen non queremos... Sen consciencia cando non somos quen de enganar aos demais, pero non nos importa facernos dano a nós mesmos.

A mentira, unha arma cargada que sempre falla e remata por facer dano a alguen. E aínda así, parece non importarnos. E aínda así, seguirei prometéndome o que non vou cumplir.

É un animal curioso o ser humano...

8/12/08

Ti

Ás veces intento lembrar o intre en que me namorei de ti, esfórzome por pensar como foi, que pasou, se o tempo se xeou e cantaron paxariños... intento lembralo, pero non son capaz.

Lembro, iso si, a primeira vez que te vin. Un descoñecido calquera sentado ao meu carón. Lembro que vin algo especial en ti, e así llo fixen saber á miña amiga nunha notiña que aínda gardo por algures

Lembro tamén cando te comecei a coñecer. Tan lonxe da imaxe que tiña de ti... O que nunca fun capaz de dicirche é que a realidade me gustaba moito máis que aquela idea.

Lembro tamén as túas incostantes atencións, aquel bico fugaz que sigue queimándome nos beizos, a emoción, o bloqueo, os erros, o palpitar dun corazón que batía por ti e para ti. E tamén que ti non o soubeches ou non o quixeches ver nunca.

Non lembro o intre en que me namorei de ti, porque na vida real nin hai luces nin paxariños, na vida real o amor é fillo do tempo e nace paseniñamente, dende o máis fondo da alma. Quizais por iso pasa desapercibido para aqueles que non saben ler na mirada dunha nena que suspira polos ollos que non a miran

4/12/08

Morgana

Morgana. A bruxa. A fada. Só unha condeada máis pola historia, a historia escrita sempre polos gañadores. A que quixo ser lirio e pasou por puta, coma Pia, coma Lucrecia, coma tantas outras. A sacerdotisa da illa sagrada, a que adicou a súa vida a loitar pola tradición que morría, pola súa cultura, polo seu pobo, e pasou a historia coma exemplo do mal, do vicio, da escuridade e a perdición. O mal exemplo posto por aqueles que mataron á súa Deusa, e a desterraron a unha lembranza de mentiras.

Morgana agarda agora na súa Illa, perdida no esquecemento, á espera de que alguen lembre a súa verdade, á espera dunha nova primaveira que adorne de flores o seu cabelo, á espera de que a brétema volva abrirse

1/12/08

O Silenzo

Hoxe máis ca nunca quixera ser quen de gritar, de romper este muro de silenzo, de decirche tódalas cousas que nunca dixen por medo. Quixera que souberas tantas cousas que as palabras non abondan para dicirche o que levo dentro. Pero xa é tarde, e o silenzo atrapoume unha vez máis.

Agora vexo escuro, perdido na néboa do tempo, aquel intre en que tiven a oportunidade de soltar todas esas verbas que me queiman moi dentro. Entón non me atrevín a facelo e xa nunca máis poderei. Xa non son ninguén, ou tal vez nunca o fun. Xa perdín o turno de palabra e o micro pechou para sempre.

Agora xa só me queda ver como te perdes entre as lembranzas dun breve intre clavado para sempre no máis mesto do silenzo.

28/11/08

Eu

A lembranza do tempo que foi. A incerteza do mañá que virá. Quen son? Que son?

Complicada, caprichosa, infantil...
Eterna competidora da lúa no seu inconstante devalar.
Sempre perdida á deriva nun mar de emocións, dúbidas e incertas certezas.
Sempre á espera, sempre alerta.
Pero á espera de que?

Tal vez á espera de que alguén me diga quen son.
Tal vez á espera dunha oportunidad para poder demostrar quen son.
Tal vez á espera de que alguén me coñeza tanto como para deter a marea.

27/11/08

A Praia

E unha vez máis vexo como esvaras entre os meus dedos como a fina area da praia que tantas veces soñeis pisar ao teu carón...

A praia durme baixo a fría lúa, lonxe, moi lonxe... tan lonxe que á miña cansa mirada xa lle costa alcanzala ata cos ollos pechados, afogada nun tempo que se agocha das lembranzas.

E pérdote unha vez máis...

(
Praia de Fonforrón. Foto tirada de Panoramio)

26/11/08

A Brétema

As veces penso que a nosa terra semella unha máxica illa chantada no océano, poboada por xentes atadas ao seu chan, ao seu mar, ao seu ceo. Xentes que miran ao mañán, pero sen dar as costas ao pasado. Xentes que abrazan un universo místico, panteísta, que mestura as vellas lendas co novo mundo. Xentes cun caracter peculiar, morriñento e ledo a un tempo. Xentes que xurden de entre as tebras camiñando cara un mañán.

Xentes. Terra. Mar. Maxia. Tebras...

As veces penso que a nosa terra se semella un pouco á mítica Illa de Avalon.

E na brétema agardamos un novo rexurdir.

Benvidos