Ás veces intento lembrar o intre en que me namorei de ti, esfórzome por pensar como foi, que pasou, se o tempo se xeou e cantaron paxariños... intento lembralo, pero non son capaz.
Lembro, iso si, a primeira vez que te vin. Un descoñecido calquera sentado ao meu carón. Lembro que vin algo especial en ti, e así llo fixen saber á miña amiga nunha notiña que aínda gardo por algures
Lembro tamén cando te comecei a coñecer. Tan lonxe da imaxe que tiña de ti... O que nunca fun capaz de dicirche é que a realidade me gustaba moito máis que aquela idea.
Lembro tamén as túas incostantes atencións, aquel bico fugaz que sigue queimándome nos beizos, a emoción, o bloqueo, os erros, o palpitar dun corazón que batía por ti e para ti. E tamén que ti non o soubeches ou non o quixeches ver nunca.
Non lembro o intre en que me namorei de ti, porque na vida real nin hai luces nin paxariños, na vida real o amor é fillo do tempo e nace paseniñamente, dende o máis fondo da alma. Quizais por iso pasa desapercibido para aqueles que non saben ler na mirada dunha nena que suspira polos ollos que non a miran
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario