Dende alí arriba podías ver aos faros da Ría contándose segredos en muda radiofonía. Falaban de sereas e golfiños, de caracolas e estrelas de mar. Contábanse os segredos que as ondas lles trouxeran no seu paseo vespertino.
O de Corrubedo gostaba de falar longo e tendido da elegancia con que se deitara aquela tardiña o sol, mentres que o muradán prefería comentar o fermosa que atopaba á Dama Lúa coa esa resplandecente pel de prata capaz de competir co mellor dos peixes dos fondos mariños nos que se reflectía.
Os pequenos faros do interior da Ría, pola súa parte, amaban a sinxeleza das estrelas que dende o alto lles chiscaban tímidamente o ollo. Cada un tiña a súa preferida, e nas noites craras comentaban cal daqueles pequenos vagalumes astrais era quen de eclipsar á mesmísima lúa coa súa fermosura e tímido parpadear.
Nas noites de trebón, os faros deixaban de lado a súa conversa cotiá para escoitar con atención as novas que os ventos traían de terras lonxanas, e nas cálidas noites de vran, eran caladas testemuñas da vida que se negaba a durmir ao seu redor.
E así, cada noite, os faros da Ría volvían a contarse historias de naufraxios e tesouros, segredos de amantes que ao seu carón buscaban un refuxio na mirada do outro, lendas de sereas e arriscados mariñeiros... sempre na súa linguaxe de silencios.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario