Ordes. 30 de abril de 2009.
O que comezaba como unha escapada máis para ver á Panorama, troca nunha odisea que nin Ulises voltando á Ítaca. Evolución aproximada da noite en cifras horarias:
22:30 - Saída da casa
22:50 - Parada a recoller ás miñas acompañantes.
23:00 - Entrada na autopista. Xa non hai volta atrás.
23:55 - Tras máis de media hora en caravana, avistamos por fin o sinal que indica a saída que conduce a Ordes. Só faltan dous kilómetros.
00:55 - Conseguimos avanzar un kilómetro e medio. Xa se ve o sinal dos 500m. para a saída.
2:00 - Finalmente, conseguimos abandonar a autopista, deixar o coche, e atopámonos no medio de ningunha parte, a unha distancia considerable do centro de Ordes. E agora onde é a festa?
2:30 - Atopamos a festa. Tras vinte minutos de empurróns e algún amago de ataque de pánico por risco de asfixia, entramos no campo. O feito de entrar a contracorrente cando todo o mundo sae non é bo sinal. Unha señora berra que non fai falta que entremos, que Bisbal xa acabou. Bérrolle de pasada que eu veño ver a Astarot. Nese momento preguntome se teño pinta de fan de Bisbal e preocúpome.
3:00 - Final da festa e peche do telón. Bueno, polo menos vin a Astarot.
Cifras oficiais: algo máis de 50.000 persoas, uns 30.000 coches.
Neses momentos de agobio, con outras catro persoas pechada nun coche durante catro horas para facer un traxecto de pouco máis de media hora, párome a pensar ata que punto as persoas nos comportamos como formigas, como actuamos en manada, seguindonos uns aos outros, indo a onde van os demais. Póñome digna, saco a miña faceta pseudo-intelectualoide e penso no absurda que é a xente, matándose por ver a unha simple orquesta con catro famosillos, penso no cutre e ridículo que resulta todo.
Pero tamén penso que algo así só pode pasar en Galicia. Que é algo tan propio como a morriña, o polbo á feira, ou a comida dos domingos coa familia. É parte da nosa identidade, gústenos ou non. Somos así. Podemos poñernos intelectuais e considerar que moverse por ir ver unha orquesta é cutre, pero onte 50.000 persoas fixérono. Quizais sexa o momento de baixar do pedestal, comezar a mirarnos o embigo e aceptar que somos verbeneiros, que nos gusta apoiarnos na cantina, co cubalibre na man e tararear cancións ás que só lle sabemos rematar un par de versos do estribillo. E que ten de malo? Se nos vemos reflectidos no anuncio de Gadis, por que non podemos aceptar que aos galegos nos gusta ir ver á Panorama, ou aos Satélites, ou á Olympus...?
Si, pode parecer ridículo. Si, pode parecer identitario. Pero a parte boa de esta historia é que se trataba dunha gala para recaudar fondos para a loita contra o cancro, e outra cousa non sei, pero fondos debéronse recaudar uns poucos.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario