15/4/09

O que imos perdendo

A outra noite soñei que o mundo ía rachar, e meus pais apuránbanme para que fixera as maletas e fuxir lonxe, a calquera outro lugar. Primeiro collín algunha roupa, algunhas xoias con valor sentimental... esas cousas... pero de repente deime conta de que nunca voltaría a miña casa, de que nunca voltaría a ver todo o que deixaba atrás. Busquei entre os bonecos que algunha vez adornaran a miña habitación aqueles que máis significaban para min. Busquei entre os meus xoguetes de cando era nena aqueles que máis quixen. Busquei entre as miñas lembranzas, busquei e seguín buscando ata darme conta de que non podía deixar atrás todo canto significou algo para min, todo canto me fixo ser quen son. E quedei alí, abrazando o meu peluche preferido entre bágoas. E espertei. Mirei cara a estantería e alí estaba o coelliño de peluche que tantas noites velara os meus soños de nena. Estirei o brazo, collino, e deixei que me arrolara unha noite máis.

3 comentarios:

Moncho Pais dijo...

Vaia alivio, non?

Eu tamén tiven ese pesadelo hai ben anos. Collías todo o que podías pero quedabas sen pasado. Hoxe por hoxe non collería nada, só os meus recordos.

M* dijo...

Alivio ata que ao día seguinte miña nai decidiu que había que redecorar a habitación, cambiando todo de sitio e quitándome a estantería. Agora o meu pobre peluche debe estar nalgunha escura caixa a espera de que todo se estabilice para poder recuperalo e que volva conmigo :(

Creo que o soño tiña algo de premonitorio...

Moncho Pais dijo...

Esixe o teu dereito de autodeterminación e rescata o teu osiño das escuras tebras das caixas!

Dignidade xa!

Non fagas caso de premonicións. Ti es quen elixe o teu camiño.