26/2/09

A Resignación

Sempre me pasa o mesmo. E parece que non aprendo. Será a lei de Murphy, serei eu que non son capaz de conformarme co que teño... Pero, ao final, o único que conta é que por cada ilusión levo unha decepción. E o grao de decepción sempre é invariablemente proporcional a suma do grao de ilusión que puxera no evento de turno e o tempo invertido en preparalo.

Unha noite máis, tocará resignarse e aceptar as frangulliñas do que xa non será.

8/2/09

O Pasado

Eu fun:

Fume na néboa.

Bágoa no mar.

Sombra na noite.

Agulla no palleiro.

Nada.


Iso fun eu.

...para ti

7/2/09

A risa

Hai días nos que apetece sorrir. Por todo. Por nada. Que máis da?

Días nos que os problemas desaparecen coa marea, nos que non importan os escuros nubarróns de aí fora, e a choiva transfórmase nunha excusa para bailar sen música e sentir as frías gotas na pel.

Hai días nos que apetece recomezar. Ou só comezar. E amarrarte con forza á vida. E vivila.

Pero sobre todo, apetece rir. Rir ata que o único que teña valor sexa a seguinte bocanada de aire que entre nos teus pulmóns para permitirche rir un pouco máis.

Porque, como din por aí, nunca sabes quen se pode namorar do teu sorriso