30/1/09

O Soño

Esta noite soñei cunha praia. Últimamente pásame moito. Pero esta noite foi diferente. A praia era diferente. Mentres a praia de tódolos meus soños durmía, os meus pés perdíanse na onírica area de aquela outra por fin rescatada dalgún perdido recuncho dunha memoria moi lonxana.

Non era unha praia descoñecida para min. Non. Coñézoa ben. Sentín a súa area baixo os pés moitas veces. Non é unha descoñecida, só un vella coñecida perdida no tempo.

Era moi nena cando xogaba alí coa miña mellor amiga. Só nenas. Pequenas nenas alleas a todo, xogando na deserta praia ao solpor. Demasiado nenas para apreciar a beleza que nos rodeaba. Nenas que só querían xogar.

O tempo pasa. As amizades pérdense. Os xogos trocan. E as praias tamén. Nunca volvín por alí. Coñecín novos horizontes, outras areas, outros xogos...

E de repente, todas aquelas lembranzas volven nunha simple e absurda condensación de materia onírica para facernos ceibar un morriñento sorriso polo tempo que foi e non voltará.


(Praia de Broña, Serra de Outes. Foto tirada de Panoramio)

A mente humana pode ser moi curiosa ás veces. Tanto como para rescatar un escenario da infancia e facernos maiores nel nunha soa noite. Tanto como para buscar un momento feliz na brétema do recordo e construir outro alí. Tanto como para facernos compartir esas lembranzas enterradas coas persoas que nunca o poderemos compartir. Pero iso é outro tema e será contado noutra ocasión.

28/1/09

A Koré

Inexpresivo rostro eternamente inmortalizado en fría pedra, coa mirada perdida máis alá do tempo. Eternidade que un día foi muller. Fría pedra que unha mañá peinou os seus cabelos nunha cascada de rizos, visteu finas teas, e así permaneceu ante a mirada dos séculos. Koré.

23/1/09

O columpio

Lembro un parque, un columpio no que xogar naquelas cálidas noites de vran, que a brisa do mar disfrazaba de frescas. Lembro subir alto, moi alto, ata ver a praia por riba do valo do parque. Praia, estrelas e luces eléctricas que reflectían no escuro espello das augas nocturnas. Lembro a brisa enredándome o pelo coa velocidade, o cheiro a ferro das cadeas que se mezclaba co sal da brisa, o chirrido característico dos engranaxes, os precoces tacóns de adolescente que quere parecer maior batendo contra o chan en cada baixada, a lúa, e unha canción...

...y se marchó, y a su barco le llamó Libertad, y en el cielo descubrió gaviotas y pintó estelas en el mar...


Os anos pasaron. O parque sigue alí. O columpio xa me queda pequeno, ou quizais os tacóns sexan maiores. As noites de mar e estrelas agora énchense de utopías e flashes, e aínda que sigamos indo polo parque, xa nunca volvín pintar estelas no mar dende o alto dun columpio

13/1/09

As decisións

Decisións. A vida é unha constante toma de decisións. Ás veces acertas, outras veces...

Pero que pasa cando non es quen de decidir? Cando te deixas levar polos acontecementos, nadando entre dúas augas ata que a escuma das ondas te fai desaparecer?

Non son unha persoa que se adoite arrepentir do que fai. Sempre pensei que cada cousa que fixen ou dixen, cada decisión que tomei, me conduciu ata aquí e me convirteu na persoa que son. Quizais sexa unha estúpida xustificación porque me da medo mirar cara atrás. Quizais non me guste demasiado a persoa que son. Quizais por unha vez si que me arrepinta, e o peor é que non lembro ter tomado ningunha decisión da que arrepentirme. Ou quizais isto sexa unha disculpa que nunca chegará ao seu destinatario.