23/6/09

Para tódalas meigas



Noite meiga. Noite de meigas. De lume, herbas e feitizos.

Misterio e escuridade. Fillas da lúa. Herdeiras dunha cultura milenaria. Nacidas na noite dos tempos, cun pé no que foi e outro que que está por ser.

Meigas. As miñas meigas. Para vós. Para nós...

...para as miñas meigas

19/6/09

Autocontrol

Nas últimas semanas parece que a miña vida consiste nun constante autocontrol. Teño que controlar o que penso, o que sinto, o que quixera berrar, a angustia, a ira... e xa non podo máis. Son un globo a piques de estoupar, e teño medo de levar por diante a quen máis me importe.

Pero hai veces que un non pode calar máis. E entón é demasiado tarde para lembrar o autocontrol.

18/6/09

Sandalias

Chegou o verán. Si, xa é oficial.

Onte puxen as miñas sandalias laranxa. Doroty tiña uns zapatos vermellos. A Cenicienta uns de cristal. Eu, teño as miñas sandalias laranxa.

Son o meu talismán. Fanme sentir mellor. Máis alta, máis elegante, cómoda. Mellor conmigo mesma. Danme confianza.

Con elas bailei, bailei moito, subín a tarimas, a coches de choque e corrín polo castro de Baroña co primeiro raio de sol dalgunha primavera pasada.
Con elas déronme o bico máis doce que lembro.
Levabaas cando me perdin entre as "bambalinas" do escenario da Philadelphia ás sete da mañá o día anterior ao final de Lingüística.
Tamén naquelas noites de columpios e utopías do Son
Tamén as levaba o día que comezamos a montar Cabanas, e cheguei ao ensaio tres cuartos de hora tarde e en minifalda, alá por algún pasado mes de setembro

Son parte do vran. Pode que non me leven por un camiño de baldosas amarelas, nin me atopen un príncipe azul, pero é que eses están reservados para as princesas. Confórmome con que o show continúe, como diría Freddy Mercury...

16/6/09

Estudante

Unha cortina de auga na ventá. Ou quizais un raio de sol.

Aquí dentro todo é o mesmo.

Papeis e máis papeis, tinta, e Audrey mirándonos dende a mesa.

E aquí nada cambia. Calor e máis tinta.

Nostalxia do metacrilato, un espello improvisado, e máis papeis.

- algún verso rebelde agroma nunha espida marxe -

E todo sigue igual. Un día máis, un San Xoan máis.